domingo, agosto 10, 2014

Entrevista para a revista Tempos Novos


Entrevista da revista Tempos Novos a Lupe Ces (Julho-2014)


1-Como activista, cal é a valoración da situación sociopolítica no noso país?

Esta pregunta non a contestaría do mesmo xeito antes das eleccións europeas que agora no momento da entrevista. Antes das europeas tiña un presentimento agoirando cambios moi negativos en toda Europa. A situación en Ucraína co golpe de estado apoiado pola OTAN e a Unión Europea, soltou todas as alarmas. O fascismo, o racismo, a extrema dereita, íam gañando terreo e sabia que as eleccións europeas darían poder político a estas opcións. Francia, Holanda, Dinamarca... demostraron que era certo ese avanzo que pretende asegurar unhas sociedades instaladas no medo e na violencia, que podan soportar a volta ao modelo de capitalismo sen colchón social e asuman a represión ou eliminación sen mais da disidencia. Pola contra, nos estados do Sur, este modelo non callou. A terra estaba traballada e abonada, os valores da esquerda e as experiencias de loita e mobilización deron o seu froito. Temos uns pobos convivindo dentro do estado español, que están mostrando resistencia ao tsunami do neo-fascismo europeo. Pensemos nas Marchas da Dignidade de hai uns meses; pensemos no 15M que revolucionou tantas consciencias durmidas, incorporou unha xeración á militancia e ao debate político e foi unha cura de humildade para as organizacións tradicionais da esquerda. Pero mais atrás están o movemento “Nunca Mais” e o “Non á Guerra”... e poderíamos nomear miles de loitas, de horas de reunión, de ensaios de auto-organización e procura de alternativas, que os pobos levan cocendo durante décadas contra este sistema inxusto. Por iso digo que o terreo tiña un bo esterco e comeza a dar froitos. Sei que estamos falando dunha situación onde o PP ten maiorías absolutas, pero non se van volver a repetir. Aínda que o PP e o PSOE amplíen o seu pacto para intentar evitar o naufraxio, o certo é que o seu barco fai augas, e o teñen moi difícil, por medios democráticos, para volver a gozar da hexemonía que tiveran ate agora.


2-Levas moitos anos comprometida en diferentes reivindicacións. Merece a pena a loita?

Para min a loita foi un xeito de conquistar dereitos e de mellorar as miñas condicións de vida e as da miña comunidade, e así segue a ser. Que podería conseguir-lo a nivel individual? Pode..., mas eu non son ninguén sen a miña xente, sen a miña familia, sen o meu colexio, sen o meu barrio, sen o meu pais... vivimos e loitamos colectivamente, non son capaz de despegar-me. Para a maioría, loitar é sobrevivir. Eu, por exemplo, teño unha casa porque participei nun movemento de ocupacións de vivendas nos anos 70. Unha comunidade que non loita, embrutece-se e sucumbe á violencia e á marxinación. Se non loitas, todo ao teu redor se deteriora... os barrios ou as escolas, son un exemplo onde eses procesos ven-se mais rapidamente. Manter-te na loita ten que ver como en todos os aspectos da vida, coa túa capacidade de resiliencia.


3-Cal é a problemática actual máis interesante para vostede e pola que merece a pena involucrarse?

Hai moitas loitas moi interesantes sobre todo polo novidosas, por exemplo a que se está a dar por unha auditoría da divida, ou os movementos que están construíndo unha alternativa ás finanzas capitalistas, ou o movemento que está preparando alternativas para un futuro sen petróleo... mais cada persoa ten unhas loitas que dar, porque lle toca, porque estaba alí no momento ou porque lle ven dado polos acontecementos. A loita non é un “hobby” que podas elixir, é a maneira de dar resposta aos envites ou retos da túa propia existencia. O activismo feminista  moldeou desde moi nova a miña concepción do mundo, aínda que a min naceume a consciencia coas loitas obreiras que marcaron a miña cidade, Ferrol. Na miña mocidade xuntei-me cun grupo de mozas e mozos que me abriron a consciencia nacional, ao uso do galego como forma de construír a identidade individual e colectiva. Vas cargando a túa mochila de causas e alternativas, camiñando un camiño moitas veces elixido, mas tamén moitas veces imposto polas circunstancias. Por dar resposta á pregunta, a modo de exemplo, podo comentar-che, que desde hai anos estou comprometida coa loita contra Reganosa, no Comité Cidadán de Emerxencia pola Ria de Ferrol. É unha loita contra un xigante todopoderoso, que mesmo gañou para o seu bando á xente que estaba ao teu carón noutras loitas. É unha loita difícil, a pesar das vitorias obtidas até o momento. Son das convencidas de que no momento mais inesperado un accidente vai traer consecuencias tráxicas. Reganosa é unha constante ameaza para as nosas vidas.


4-Fágame unha valoración da chamada etapa democrática na Galiza. Cal foi o goberno que mellor puido representar os intereses das clases populares?

Non o teño que pensar nadiña! Con toda certeza o goberno bipartito. Mágoa que non se soubera defender das ameazas internas que o corromperon, e dos ataques dos poderes económicos e mediáticos que lle deron fin. Lembro moitas das políticas que se fixeron naquel momento, non só desde a Secretaria Xeral de Igualdade con Carmen Adán, ou desde  a política de vivendas con Teresa Táboas, ou desde a política forestal coas UXFOR, banco de terras, ou o voluntariado en defensa do monte... tamén desde a que , baixo o meu criterio, foi a mellor Conselleira de Educación de todos os tempos, Laura Sánchez Piñón. Mas era un goberno condenado a rematar como rematou. Vivía, en xeral, de costas aos movementos sociais, e naceu para xestionar o capitalismo e a autonomía política, aínda que sempre intentando beneficiar á maioría e ao país. Mas a súa política puxo en pé de guerra aos poderes que viron que algunhas das portas se lle pechaban, como foi o caso de Pescanova, ou a moitos cidadáns que tiñan intereses e se opuñan á regulación do monte ou da costa. E fronte a iso, o goberno ficou só. Uns, o PSOE, porque eran un partido sistémico que no precisaba da mobilización para apoiar a súa xestión e se tiña que escoller entre movementos ou sistema, a súa opción era clara. Outros, o BNG, porque levaban anos construíndo diques de contención nos movementos e non souberon practicar o poder obediente, ou mesmo un mínimo diálogo. As relacións co movemento "Galiza non se vende" foron o exemplo máis claro, pero tamén o foi co da Cidade da Cultura... Lembro naqueles dias, ir á Consellería de Medio Rural, no nome da Marcha Mundial das Mulleres, e escoitar que o termo “Soberanía Alimentar” era tabú. Foi sen dubida o mellor goberno que deu o pobo galego, mas os procesos estaban comezando, non había a suficiente madurez nas organizacións e movementos para criar unha alternativa que fose quen de transformar desde as institucións e desde o pobo organizado o propio sistema, único xeito de dar resposta aos principais problemas. Ademais, non quero calar-mo, había dentro do propio bipartito verdadeiros cancros que danaban o organismo, como a Consellaría de Industria, con Fernando Blanco, onde os grandes grupos económicos se aseguraban de que non se ía ir máis alén das regras establecidas. Aí se xestou o recurso que a Xunta puxo contra a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que daba a razón á veciñanza en relación a Reganosa. Algo inaudito!


5-Unha valoración específica da etapa de Núñez Feijóo.

O narcotráfico ten un efecto devastador nos territorios onde actúa. Non só polos índices de criminalidade que xera pola propia actividade en si, ou polos índices de corrupción das institucións que precisa para manter-se; senón polo efecto descapitalizador e destrutor da economía real que leva aparellado, e potenciador da economía especulativa. Eu diría que Galiza co goberno de Feijoo ten todos estes síntomas, faltan probas para asegurar que o noso país forma parte da xeoestratexia do narcotráfico internacional, e que estamos gobernadas e gobernados por monicreques destas redes. Isto non o podo dicir, pero non estaría de máis que na esquerda comezaramos a facer cursos de formación sobre narcoeconomía.


6-Hoxe en día comeza a falarse xa abertamente da necesidade de comezar un/s proceso/s constituínte/s. Por onde lle gustaría que decorrese ese camiño á vista da considerábel deslixitimación da institucionalizade realmente existente?


Foi desde o propio sistema que se comezou cun "proceso constituínte". Eu percibino claramente na folga dos controladores aéreos. Moitas persoas vimos naquel momento o que se nos viña enriba: unha manipulación mediática de manual para criminalizar a un colectivo, aínda que privilexiado, que mantiña unha reivindicación laboral. E sempre son os mesmos actores, naquel caso o ministro José Blanco. A guerra ideolóxica desde aquel momento non deu tregua, lembro os primeiros chistes sobre os sindicatos no programa Luar da TVG...  Logo viñeron as reformas laborais, o recorte das pensións, ás axudas á banca e o rescate de grandes empresas, os procesos de privatización dos servizos públicos, a firma do proxecto do escudo antimisiles... e a reforma da constitución co artigo 135. É un proceso constituínte dado desde as elites, sen contar con nós e contra nós. Mas non contaban con tanta resistencia, dado que o control mediático o tiñan case asegurado, e as grandes organizacións sindicais minadas. Agora o proceso constituínte comezou desde abaixo, grandes maiorías que se cuestionan o modelo, as normas, o reparto... Eu vexo que é posíbel un proceso constituínte, se se dá nunha ampla rexión de Europa. Vexo aos pobos do sur condenados a entender-nos, a criar alianzas, a unir forzas para facer fronte ao Tratado de Libre Comercio con EEUU e a construír procesos constituíntes que levanten proxectos socialistas autoxestionados, decrecentistas e desmilitarizados. Europa está cada vez mais preto de ser a trincheira onde EEUU libre a súa batalla contra China e Rusia pola hexemonía mundial. Galiza ten aí unha oportunidade histórica de aportar á construción dese modelo e, mediante esa contribución ter o recoñecemento da súa soberanía.


7-Ve factíbel a consecución do fin da Monarquía Borbónica a curto prazo?

A dereita fixo o seu relevo xeracional, sobre todo nas leccións municipais do 2011. O PP actuou como unha oficina de emprego e colocación onde mocidade con formación técnica elevada, ou fillos de elites ou militantes vían posibilidade dun futuro estábel. O relevo xeracional na esquerda tanto nacional coma estatal está por dar-se. Comezamos agora a ver novas caras e novos proxectos. Vai ser esa nova xeración, a que se formou na reivindicación da democracia participativa, no pensamento crítico e no cuestionamento das organizacións tradicionais, a que se vai enfrontar a unha institución caduca e antidemocrática. Probabelmente vai pasar unha década até que o proceso constituínte abra unha nova etapa histórica. Ese proceso levara-se por diante á monarquía.


8- Vostede ten tamén longa traxectoria na loita feminista. Como ve a situación actual do papel da muller na sociedade e a que retos e ameazas á consecución da igualdade se enfronta a muller?

Teño 56 anos. Os cambios foron enormes, mas o “bicho” temo-lo dentro. A reacción e a loita ideolóxica contra o feminismo non foi menos intensa estes anos que contra a loita obreira ou a loita  social en xeral. As acusacións de denuncias falsas de malos tratos, a custodia compartida forzada, o Síndrome de Alienación Parental, a acusación de  feminazismo... foron algunhas das batallas que o patriarcado deu con maior éxito. Logo está a impoñer, apurando o pouco que lle queda de poder absoluto, reformas que atentan contra os nosos dereitos, como a da Lei do Aborto, ou a Lei de Wert, que quere arrincar de raíz todo o que son as bases da educación en igualdade e para a igualdade. E non nos enganemos, os procesos de privatización e deterioro de todos os sectores públicos, é un ataque á liña de flotación dos dereitos das mulleres, por ser sectores onde o emprego feminino de calidade é maioritario, e onde se tecían toda unha rede de coidados que aliviaban as cargas familiares que sabemos están feminizadas. Rio-me cando falan de políticas de fomento da natalidade! Sempre nos trataron de menores de idade ou incapacitadas! As mulleres non queren ter fillos nestas circunstancias. Aprenderon a vivir con dereitos, con independencia e non queren ter que escoller. Atrasan esta decisión cando non a desbotan totalmente. É un berro silencioso que as autoridades non están en disposición de escoitar: “ Dean-nos dereitos, traballo en boas condicións, servizos sociais, vivenda, seguridade, garantías de paz... e moitas de nós pariremos as crianzas que habiten no futuro este pais”.


9- Como ve a situación da esquerda a nivel galego, estatal, europeo...?


Semella que todo está escachando. Mas isto é necesario, hai que recompoñer-se polo que é preciso deconstruír, ou “mover os marcos” como di Beiras. Hai menos dun ano seguía habendo moitas resistencias dentro das organizacións. Agora cada vez estamos mais preto de cambiar as dinámicas de competencia polas dinámicas de colaboración e complementariedade. Hai que dar un tempo a cada grupo, a cada colectivo para que viva os seus procesos e faga as súas reflexións, mas a unidade contra os planos da Troika, contra os designios que o Imperio ten marcados para os pobos europeos, está no único horizonte posíbel para sobrevivir a este desastre. A esquerda ten que marcar-se como prioritario o obxectivo de organizar á maioría social. Non digo de organiza-la nas súas estruturas, nas súas organizacións... digo de facilitar a creación de novos modelos e de redes colaborativas e de participación. Sen iso non hai proceso constituínte posíbel.


10- Desde a esquerda social e política cada vez hai máis voces e apuntamentos no camiño da consecución dunha fronte política e social, sen concretar efectivamente, como debería de artellarse a mesma? Cre nesa aposta? Fágame unha diagnose nese eido e sobre da posibilidade de que calle? Tería posibilidade de éxito? Que prioridades e obxectivos debera marcarse?

A fronte ampla non é unha fronte electoral, é como dicía anteriormente, un proceso de acumulación de forzas, unha metodoloxía que permite construír unha nova hexemonía. Son optimista porque cada vez vexo máis vectores confluíndo nesa dirección. O xeito de como vaia a articular-se e que actores poden ficar fora vai-no determinar os posicionamentos a respecto da superación do actual marco económico-político-institucional. O que está mais claro cada día é que o PSOE vai ficar atado ao actual modelo e condenado a afundir-se con el. Amplas maiorías, esa é a clave do éxito da fronte ampla. Amplas maiorías construíndo un novo modelo e conquistando democraticamente o poder político para impulsar ese nacemento e enfrontar a oposición que se vai organizar desde os poderes fáticos para combate-la. Iso implica un amplo proceso de educación popular que permita que a maioría entendamos que significa divida ilexítima, prima de risco, burbulla enerxética, soberanía alimentar, democracia participativa, reforma fiscal, remunicipalización, renda básica, o ben común...  Eis os obxectivos nos que hai que seguir traballando intensamente, organización e educación popular, iso implica construír as ferramentas necesarias de comunicación, de participación... A esquerda tamén debería contemplar a necesidade de aprender a defenderse dos ataques do sistema máis aló da represión ou a criminalización. En Ferrol vivimos a pequena escala, hai poucos meses, un exemplo do que pode suceder, e hai outros xa analizados como o dos ataques ao movemento mexicano "Yo soy 132".


11-É posíbel mudar o mundo ou é unha loita sen final feliz? Pensa seguir sempre tan comprometida coma até o de agora?


A pequena e a gran escala fun testemuña de cambios logrados a base de loitas e resistencias. Mudar o mundo é posíbel, e mais que nunca é necesario e urxente. Confirma-o a situación da nosa especie, á que se soma agora a situación de todas as especies que compartimos un pequeno planeta que ten serias ameazas. Eu imaxino moitas veces como será o futuro... confío que estas loitas tan evidentes pola xustiza, pola igualdade, pola paz, pola defensa do ben común e do planeta, teñan unha resolución favorábel en poucas xeracións. O que imaxino son novos retos para a humanidade que van vir das consecuencias do cambio climático e do colapso derivado da escaseza de petróleo. O nivel de compromiso non se pode medir. Ás veces valoramos o nivel de compromiso que ten unha persoa pola repercusión pública que teñen os seus actos, mas hai feitos que non transcenden e que agochan outras realidades intensas. Fun testemuña do esforzo que realizaron moitas persoas para acudir a Madrid o 22M coa columna galega, pagando-se o billete sen a penas recursos. “ Veño porque estou comprometido coas Marchas”, sempre me emocionou esa xenerosidade colectiva que acaba movendo montañas.


12- Se tivera diante a estes personaxes, que lles diría en poucas palabras? Emilio Botín, Ada Colau, Pablo Iglesias, Felipe González, Gallardón, Felipe VI.

Vou facer dous lotes claramente diferenciados. Nun meto a Ada Colau e a Pablo Iglesias, aos dous daría-lles as grazas por romper o discurso único mediático e colaborar co proceso de educación popular do que falaba antes. Aos dous Felipes, a Botín e a Gallardón meteríanos no segundo lote, levaría-no á lonxa e daría-o de balde a quen o quixera levar.

Lupe Ces.

Ela é unha activista social recoñecida e con traxectoria, de Ferrolterra, comprometida en moitos frentes. Tempos Novos fala con ela para coñecer un pouco máis sobre a súa actividade e pensamento
.

Tempos Novos
Revista Mensual de Información e Opinión para o Debate (Impresa).
Tempos Dixital  | Na rede.
Edita: Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A.
Rúa dos Porróns, 8-2º · 15705 Santiago de Compostela
Teléfono: 981557119
xerencia@temposnovos.net
dixital@temposnovos.net

---

Nenhum comentário: