domingo, setembro 13, 2009

Radio Galega, a rádio roubada

Roubárom-nos a rádio pública galega. Asaltárom-na e ferida de morte, dérom-lhe o tiro de graça coa nova grelha. Som @s de sempre. Os mentiráns e censuradores que ao longo dos governos presididos por Fraga Iribarne, ocultárom e restringírom informaçom, escorados ao lado do poder, esquecendo a vocaçom de serviço público e objectividade e pluralidade informativa e formativa que compete a umha rádio pública. Som os mesmos nomes, encabezados polo inesquecível Xusto López Carril, condutor durante a era Fraga dos informativos da manhá; María Xosé Rodríguez, sempiterna protagonista dos magassines, ou Tino Santiago, malabarista da mentira e a subxectividade informativa ao serviço do poder. Som os mesmos nomes, as mesmas idéias, o mesmo provincianismo, a mesma radio de segunda que nom merecemos.

Nom poderiam ser outros nomes, porque as xefas volvem ser as mesmas. Rosa Vilas Nuñez, desde o ano 1989 na RTVG, já foi subdiretora de informativos cos governos do PP até o 2005, agora ascendida a diretora da TVG. E Rosa Martínez Rivada nova diretora da Radio Galega, ainda que velha servidora dos interesses do PP nos médios públicos. Leva na Radio Galega desde 1986, foi subdiretora cos anteriores governos do PP.

Como é que estas pessoas nom tenhem que responder pola censura coa que forom cúmplices durante tantos anos? Como é que estas pessoas volvem colher o espaço público como se os três anos e medio no que respiramos nas ondas um pouco de liberdade, fossem só um espelhismo, um sonho. A realidade volve a ser a sombra da caverna.

Doe como volvem a usurpar a Radio Galega, e como mendicantes buscamos aqueles dias e minutos contados onde aparece na programaçom algo que motive, solprenda, entretenha ou mova à reflexom. Sim, esses minutos existem. Ainda a nova direcçom nom se deu conta dessas bolsas de oxigeno que nos permitem respirar e seguir existindo como ouvintes da radio pública. Mas a mim pessoalmente, doe-me que eliminaram da parrilha o programa Extrarrádio, conduzido por Belén Regueira. Os sábados e domingos pola manhá, na casa ou viajando, escoitavamos a Belén e a sua equipa e sentiamo-nos a gosto. Nom porque as idéias, os comentários, a informaçom ou os temas tratados fossem os que eligiríamos no caso de poder participar na elaboraçom do guiom, incluídas, numha mostra de pluralidade inexistente até o 2006, muitíssimas entrevistas a dirigentes do PP. Mesmo levamos umha decepçom quando se eliminou a secçom dos comentários de Carlos Taibo. Senom porque era um espaço de respecto, posta em valor dos sinais de identidade galegos, um abraço entre as distintas realidades de Galiza, onde confluía o rural e o urbano, o moderno e o antigo, o tradicional co inovador. Todo isto desde umha rádio de calidade, onde a formaçom das profissionais que o conduzíam, marcava a diferença. Divertia, ensinava, movia à reflexom. Em fim, o que tem que ser a rádio. Agora lembro com morrinha o espaço dedicado ao concelho de A Veiga no último programa, foi excepcional.

Caiu-nos a condena dumha longa singladura polo deserto. Quando ganhou as eleiçons o PP, Belén Regueira dizia num artigo n'A Nosa Terra que nom havia que cair no vitimismo, que o que havia que fazer era viver. Quitam-nos o ar para respirar, a terra debaixo dos pés e ademais de todo isto, andamos encerelhando entre nós botando-nos areia aos olhos, penso que só podemos centrar todos os esforços em sobreviver. Eu tampouco dou para moito, só se me ocorreu enviar um correio de protesta ao programa "somosquen@crtvg.es", outro à diretora da radio "dir.rg@crtvg.es" e outro à xefa de programas "radiogalega@crtvg.es".

Como garantir a independencia d@s profissionais da RTVG? Como evitar a sua privatizaçom? Como protege-la dos cambios politicos que a apartam do serviço a sociedade galega? Como garantir esse controlo social?

__________

6 comentários:

Anônimo disse...

http://chuza.org/historia/radio-galega-a-radio-roubada

Xoan disse...

María Xosé Rodríguez estivo nas fins de semana dos últimos tres anos, de 12 a 3 da madrugada no programa "Máis Berberechos" = 9 horas por semana. Agora está en "Somos Quen", nas mañás de da fin de semana, de 9 a 12 = 6 horas por semana. E Tino Santiago estivo ó frente de "A Crónica" de luns a venres nas noites da Radio Galega.
A min tampouco me gustou este cambio de programación da radio, pero os datos están ahí: así que dicir que a radio foi roubada por ter a estes periodistas... xa estaban antes e durante máis horas.

Se Moncho disse...

A soluçom nom é tratar de controlar a radio galega. A soluçom é fazermos rádios galegas:
http://efugidios.blogspot.com/2009/07/radios-em-galego.html

Breixo disse...

Está claro que Tino Santiago e María Xosé Rodríguez son xente da "Casa", como lle din á CRTVG por aqueles lares, polo que é normal que non desaparezan tanto da Radio Galega como da TVG, pois son persoal da CRTVG. Seguiron aí tanto como correspondentes, redactores, presentadores ou locutores, de achegados ou de protagonistas, ... Mesmo a Tino Santiago déronlle o programa "A Crónica" na Radio Galega o que levou case dous anos, pois hai sobre un ano que o leva o actual Luís Ojea. De camaleóns está o mundo cheo. Non quere dizer que este último sea un camaleón, pois non o coñezo, máis Tino Santiago si que o ten demostrado na súa traxectoria na "Casa". Xa non falemos de cando os seus informativos do cando o asunto do Prestige, onde foi todo un lucimento da mentira e a manipulación. O de María Xosé Rodríguez, xa é outra cousa non é igual escoitala durante un tempo nun programa de madrugada, poñendo música e falando co algún ointe habitual que chama para comentar algo e non sentirse tan só, que levar o matinal dos fins de semana que non só ten moitísima máis audiencia, senon que é toda unha revista de actualidade, debate, formación e información. Que se antes con Belén Regueira era todo construir País, falar de temas de actualidade con rigor, poñer en valor o propio, reflexionar, debatir, ... e outras moitas cousas en positivo, agora é todo un despropósito do máis full, non hai por onde collelo. Todo son gargalladas tratese dun tema gracioso ou tratese dun tema serio. Para María Xosé Rodríguez, Galicia segue sendo un palleiro, un carro de vacas e unha padereta. Polo que contestando ao comentario, non creo que o artigo falte ao rigor á hora da análise e da denuncia que no seu conxunto se fai. Moi ben Lupe polo artigo. Parabéns.

Xoan disse...

Podería darche toda a razón do mundo sobre o que acabas de dicir, e que o programa de Belén Regueira sexa moito mellor, pero cando lin o de "O de María Xosé Rodríguez, xa é outra cousa non é igual escoitala durante un tempo nun programa de madrugada, poñendo música e falando co algún ointe habitual que chama para comentar algo e non sentirse tan só,..." decateime de que non escoitaches nunca o programa Máis Berberechos nestes tres anos que estivo en antena, o cal estaba moito mellor que o matinal que fai agora. Era un bo magacine con entrevistas, tertulias e música en directo. Creo que o confundes co programa nocturno que emiten despois.
Coincido en que a programación estaba moito mellor antes, pero... para facer comparacións con traballos anteriores dun locutor de radio, hai que coñecer ese traballo anterior.

bocixa disse...

m x rodruguez é desa caste de "xornalistas" da "casa" que o que sabe facer ben é esbardallar e rir os seus chistes...é patética!!!
apertas a LUpe