sexta-feira, abril 10, 2009

A minha neta di “to”

Às vezes a realidade explica-se muito melhor coas anedotas. Entendemo-la com pequenos exemplos, que nos chegam mais, que as profundas análises e os sesudos estudos e investigaçons, que sendo totalmente imprescindíveis, em ocasons tornam-se inúteis para entender e transmitir as sensaçons e sentimentos que emanam dessa mesma realidade. Como explicar senom a profunda soidade, a exclusom, a sensaçom de desterro, que as pessoas galego falantes sentimos na nossa cidade? Pois, velai vai um chisco desta magoante realidade.

Hai uns dias um dos meus filhos baixou a um dos parques do bairro coa minha neta de dous anos. Tem-lhe que ajudar a subir aos jogos que para ela, som gigantes a conquistar com muito esforço. Outro neno tinha também dificuldade e o meu filho ofereceu-lhe ajuda. Ao pouco o neno correu junto à sua nai para contar-lhe a sua grande descoberta “mamá , mamá, um señor galego!”.

Ao dia seguinte, a minha neta acompanhada polo seu avó, jogava num parque do centro da cidade. Ocorreu do mesmo jeito, mas, podede-lo crer porque sucedeu de certo, nesta ocassom, este outro neno dixo “ mamá, mamá, un señor rural!”.

É por isso que som como a vida as palavras “cham”, “lume”, “cam”.. que a minha neta, no seu ensaio continuo coa fala, vai pronunciando nesse maravilhoso jeito de abrir-se ao mundo. Vai botando-as ao ar, como frágiles bolhas de sabom. Essas palavras vam molhando esta terra malferida da nossa identidade, e som vida, e som alento, e nos reconhecemos nelas.

Nom, nom remata aqui o conto. Porque também sentimos laiar a ferida aberta, cada vez que ela di “to”. “Como dis?” “ Eu”. “Moi bem!” E haverá quem pense que é imposiçom.

---

6 comentários:

Anônimo disse...

Delicioso e triste à vez Delicioso como o narras, Lupe...mas que lhe queda a estes cativos e cativas, que nos queda a nós...!?
Antes eramos umha colônia, agora case somos peças dum museu...

visto em:
http://chuza.org/historia/minha-neta-di-to-2

sHs disse...

Sucedeulle á miña muller nun Eroski:
-Vella descoñecida (sorrinte): ¡Ay, que niño tan rico! ¿Y como se llama?
-A miña muller: Lois
-Vella (con mala cara): Ah, ¿eres galleguista?

Tino disse...

eu com a minha menina num parque de compostela. falando-lhe em galego. um meninho pergunta-me: falas inglês? (isto é verídico)

Mixigodo disse...

Meu deus, esas cousas e ata nos comentarios resultan bastante incribles, non sei, a min polo de agora nunca me ten pasado máis que que lles faga chiste que fale galego e comecen a rir (por pensasen que estaba facendo a burla dun vello galego), pero só foi un par de veces e aínda que tampouco a min me fixo gracia non lle din maior importancia.

Habédesme desculpar, pero non entendo moi ben o último parágrafo. Alguén sería tan amable de escribirmo en galego normativo? Non é por molestar nin nada, simplemente non teño moita experiencia co galego reintregata, e enténdoo case perfectamente, pero iso non. Grazas!

Anônimo disse...

Acho que não é pola normativa, porque eu não tenho qualquer problema com ela e tampouco compreendo o significado das últimas palavras...

Polo demais, é bastante esclarecedor.

♥ meninheira ♥ disse...

Pois unha máis que lle comentaba ao amigo Cernekernel que nos aconteceu nunha tenda:
Nena de 5 anos que lle pregunta á súa nai: "¿mamá, en qué idioma hablan?"

E desgraciadamente temos máis anécdotas semellantes. Non sei que lles aprenderán nas escolas mas galego non pode ser porque moitas veces non nos teñen nin entendido :(

Sinceiramente non confío na recuperación da nosa lingua, mas hai que darlles raíces pra que poidan voar máis alto.

Biquiñosssssssss