Praza das Letras - Le comigo
Docente e integrante da Marcha Mundial das Mulleres
Lupe Ces Rioboo
10-12-2006
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
O meu primeiro libro en galego foron os Cantares Gallegos. A asociación de veciños á que estaba vencellado o meu pai entregaba uns premios consistentes nas obras completas de Rosalía de Castro. Había volumes sobrantes por alí, e foi así como chegou ás miñas mans.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Sen dúbida o libro que máis me marcou foi Sempre en Galiza, de Castelao. Lino cando tiña 17 anos, en 1974.
Que libro che gustaría ler en galego? Algún relacionado co teu ámbito profesional?
A nivel xeral El Quijote. Non sei se está xa traducido, pero gustaríame ter a oportunidade de lelo en galego. No ámbito profesional, todos os libros da editorial Grao. Os seus traballos achéganse moito ás necesidades que hoxe en día se nos presentan na docencia. Actualmente están dispoñíbeis en castelán e catalán. Podo lelos en castelán, porque o entendo, pero preferiría facelo na nosa lingua.
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Depende moito da idade. No nivel de infantil, co que eu traballo, O coelliño branco é todo un éxito literario. Pero tamén gozan moito coa literatura de maiores, gústalles moito a poesía de Rosalía, que chegan a aprender de memoria.
Que libro pensas que ha de acompañar o teu nadal?
Agora mesmo estou lendo Camiño errado, dunha feminista francesa, que rematarei nas festas. Trátase dunha reprobación feroz ao feminismo desenvolvido nos dez últimos anos. Sempre está ben escoitar as críticas ao que estamos a facer...
Cal has de querer agasallar?
Pois posiblemente tres obras da editorial Grao, que antes comentaba. Trátase de libros que reflexionan sobre a acción comunitaria e o movemento asociativo.
Publicado na Revista impresa "Praza das Letras" e no sítio web "Le comigo".
---
Nenhum comentário:
Postar um comentário